3 de marzo de 2016

Divertimento - Oscar Quant e Rubén Coca en plan Dobarrista - 08/05/2007

Quant, no video-clip `Pois eu´

(08/05/2007 - resubida) Divertimento para pequenos monstros, dende o estudio "metro cadrado" da FilispiM no Ateneo Ferrolán, adicado á formación ferrolá Quant, que viñan de gravar un video-clip realizado por Rubén Coca en homenaxe a Andrés do Barro, emulando a famosa escena do filme "En la red de mi canción" (Mariano Ozores, 1971), donde Dobarro canta a mítica "Pois eu" acompañado por Los Sprinters, subidos nunha furgoneta que circula pola zona vella de Compostela.

Todo esto acontecía antes da publicación do primeiro disco grande de Quant "New Adventures in Full Colour" (2009), tempo no que Oscar Sabín, Rubén Coca, Fer Marta e Alberto Amigo (primeira formación de Quant) gravan algunhas maquetas, mesmo a que apresentaron neste Divertimento. Ademáís, no transcorrer do programa falamos de experiencias ferrolterráqueas daquel momento, coma as festas e vinilos de "La Fonográfica General" ou a inminente actuación de Quant, 22 e 23 de maio daquel 2007, no mítico The Cavern de Liverpool. En definitiva, a primeira e moi nutritiva entrevista que realizamos ao "universo quántico" na FilispiM, xa que no transcorrer dos anos habería moitas máis...

Volvendo a Andrés Do Barro, un mes despois da emisión deste espazo lévouse a cabo a gala "Saudade de ti" homenaxe ao intérprete ferrolán, producida pola TVG no Teatro Jofre de Ferrol, e na que foi apresentado o video-clip no que Quant rememoran a escea daquel filme dos 70.

A figura de Andrés do Barro vén sendo reivindicada nos últimos anos. No 2004, tras unha mesa redonda na Galería Sargadelos, se constitúe o Movimento Dobarrista do que xurdirían unha serie de iniciativas coma foi a gravación dun doble cedé (Falcatruada, 2007) coa participación de 30 grupos galegos.

"O tren que me leva" foi outras das iniciativas en forma de documentario dirixido por Anxo Fernández. Un filme cuxa produción comezou naquel 2004 pero que finalmente se apresenta o 27 de setembro de 2013, un ano antes do 25 cabodano de Do Barro.

Canto a obras escritas, "Saúdade" escrita por Fernando Fernández Rego (La Fonoteca, 2015), foi apresentada no Manchita Cosa (Ferrol) o 10 de xullo de 2015; daquela, tivemos en `Divertimento´ ao autor, podes ouvir aquela conversa neste enlace. A publicación, todo un éxito, conta xa con varias edicións, mais, hoxendía (2016) segue a botarse en falla a versión en lingua galega.

O principal logro do músico ferrolán foi ser quen de levar a lingua propia Galicia ao cume das listas de éxitos musicais dos 70. Todo un acerto naqueles anos é un moi loábel empeño do intérprete. Iniciativas cidadás coma demandar a Medalla de Galicia para Do Barro, a título póstumo, están máis que xustificadas.

Conduce: Pequeno Monstro (08/05/2007).



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentando das vida ao blog. Adiante!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...