23 de decembro de 2009

Un desexo en alto, libre e comunitario, ao Apalpador.




Pola conversión de todas as radios públicas e privadas do mundo en libres e comunitarias... preguemos ao Apalpador!!!!

O Pequeno Monstro, dende este o seu humilde blog, quérevos desexar o mellor para o 2010, ano no que as emisións da Rádio Filispim cumprirán cinco anos.  (Amén.)
 
Se queres volver ouvir a entrevista que lle fixemos hai un ano ao Apalpador, fai click aquí: http://pequenosmonstros.blogspot.com/2008/12/o-apalpador-apareceu-en-rdio-filispim.html

Divertimento - Serie: arquivo sonoro / historicos: Ferrol Music e outras herbas

No Natal do ano 2000, os monstros do Divertimento realizamos un programa en Radio Fene, no que confesamos telefónicamente ao ferrolán José Feal, quen xunto a Victor Aneiros, andaban a argalla a primeira edizón do Ferrol Music. Un certame cuxa continuidade non callou, mais que forma parte da historia da iniciativa popular (no bon sentido da palabra) que de sempre houbo nos bairros desta cidade.

Aquela primeira edizón do Ferrol Music, desenvolveuse durante varios días do mes de decembro do 2000 no Cantón de Ferrol, e contou coa participación creativa dos seguintes grupos e solistas da comarca, algúns deles desaparecidos, outros incombustíbeis: Paloma Suanzes, Cachimonia, Victor Aneiros Blue Note Band, Durango Express, Julie Guravich Cuarteto, Jarry Navison Band, Los Trastones, Los Pacos, Entre Paréntesis, Riff-Raff, Consumatum Est, ou mesmo Wisdom.

Queremos con este programa fazer unha homenaxe a toda esa xente de Ferrol e comarca que adica ou adicou unha parte do seu tempo, de maneira desinteresada, a pór en marcha iniciativas dinamizadoras que apostan (e apostaron) polo de aquí, no caso concreto de Ferrol Music, pola sobresaínte canteira músical ferrolterráquea.

Como guinda final do programa, escoitamos unha entrevista que Ana Santiago (Lucecú), lle realizou a Julián Hernández, logo do concerto que naquel Natal do 2000 fixeron os Siniestro Total, no Pabillon de A Malata en Ferrol.

Na entrevista a Julián ponse de manifesto que o Pabillón de A Malata en Ferrol, non é o espazo máis axeitado para poder ouvir e disfrutar, un concerto de música "moderna", mais dez anos despois segue a ser a única opción que oferece o noso concello para estes eventos, semella que menos prioritarios que a "música culta". Esta cuestión non deixa de ser un anacronismo máis, tendo en conta o que estamos a falar: a intensa relación dos viciñ@s da nosa comarca con todas as músicas.

No programa, ademáis ouviredes algún "textículo" do Pequeno Monstro, interpretados pola Ana Lucecú e o propio Monstro: Movimento Lento, Confesión e Outono verbalizado. Agardo que tra-la súa escoita vos suba a temperatura, que falta fai con esta friaxe!!!

A vindeira semán seguiremos recuperando gravazóns do arquivo histórico de Divertimento. Mais, non marcho sen vos desexar a todas e todos unhas monstrosas e divertidas Festas!!!!

Descargar o arquivo


Nota: imaxe superior tirada do blog: http://www.canidosostible.blogspot.com

11 de decembro de 2009

Divertimento - Serie: arquivo sonoro / historicos: Radio Kaos (2)

Imaxe dunha dunha das grellas de Radio Kaos (Ferrol)

"Aquí Radio Kaos, a emisora universitaria e libre que okupa o 96.3 da FM en estéreo supersónico". Desta forma indicabamos ao persoal que demos andaban a sintonizar, cando as emisións de Divertimento para Pequenos Monstros na emisora do campus de Serantes-Ferrol, naqueles 2000.

O programa que hoxe vos oferecemos debeu ser emitido na grella 1999/2000.

Este Divertimento ábrese cun par de textos do Pequeno Monstro (Poema Bomba e Aquela Casiña), segue cun poema do ferrolán Santi Ribera e finda, na súa primeira metada adicada aos textos, con Rosa de Sanatorio de Don Ramón María del Valle-Inclán, surreal poema enunciado nas noites de finais dos oitenta, por José Luis Moreno-Ruíz no seu memorábel programa (do mesmo nome) en Radio 3.

Na segunda parte do programa falamos con todo un personaxe daquelas noites ferrolás dos noventa: Raúl "El Ilegal". Daquela, Raúl tiña un local de copas na Rúa do Sol de Ferrol, facía debuxos e .... Bon, escoiten o programa.

Lembro a perfección a tarde en que entramos pola porta da Escola U. Politécnica de Serantes, dende donde emitía Radio Kaos, o Raúl e mais eu. O Raúl apareceu cun enorme teclado Farcisa TK61. Aínda o estou a ver, levaba unha gafas de rallar, tan delgado el con ese teclado que case o duplicaba en tamaño e peso, atravesando a porta da Politécnica camiño do estudio, ante a mirada atónita dos estudantes. Na conversa con Raul, acompáñanos Suso Suciedad, sombra de Divertimento naquela etapa.

Daqueles anos e daquelas ondas, lembramos estes programas: O que nós sabemos e vostedes non (Santi Bergantiños e compaña), Shock (Bárbara Calavera Zalamera), Ábrete de Orellas e Chicas Católicas (Pepe Luis Cunha), Disidente (Iván), O Lucecú (Ana Santiago), Galiza Solidaria (Cebral), Café Jazz (Manuel Lorenzo), Manchita Cosa (Suso Suciedad e Paulopablo), Autopista 61, El Taller del Duende, Con Alma de B-Boy, Sinfonías Metálicas, A letra "A" e Expresión Directa (Xabi e Iván), Divertimento para pequenos monstros / Textículos by me (Pequeno Monstro con Ana Lucecú & Suso Suciedad), nun asalto radiofónico perpretado a man armada de poemas.

Ti mesm@ podes completar esta lembranza á Radio Kaos comentando esta entrada ao pe.
A próxima semana o Pequeno monstro, desvelara quen e como se `cargou´ Radio Kaos.
Entre tanto, para lembranza de tod@s, rescatamos do arquivo unha imaxe da grella do vrao do 2000, daquela sorprendente emisora. Un documento valorado agora mesmo en 20.000€, que encabeza esta entrada .

Ficades co audio bomba...

http://www.mediafire.com/listen/0yto7tr9p4t00ah/DivertimentoHistoricos_Raul_Ilegal.mp3

Os medios comunitarios presentan emendas ao proxecto de Lei Audiovisual do Estado español.


O Congreso español debate actualmente o proxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual. Existe un anteproxecto e actualmente os diferentes grupos parlamentarios presentaron as súas correspondentes emendas para terminar de dar forma ao que será a Lei que rexerá no futuro as comunicacións no Estado español.

A devandita Lei non contenta aos medios comunitarios, que tamén presentan as súas emendas á Lei.

Gorka Andraka, de Tas Tas Irratia, en Bilbao, entrevista sobre este asunto a Mikel Estarrona, integrante da propia Tas Tas Irratia, e tamén da comisión de Lexislación e Dereito á Comunicación da Rede de Medios Comunitarios (ReMC), quen analiza o proxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual e estima que o proxecto do Goberno español cercena o Dereito á Comunicación.

Rádio Filispim forma parte da Rede Estatal de Medios Comunitarios (ReMC), dende novembro de 2009.






Audio tirado de Más Voces : www.masvoces.org

Video: campaña "10-D, polo dereito a comunicar", da ReMC.

7 de decembro de 2009

Divertimento - Serie: arquivo sonoro/historicos: Textículos by me. Radio Kaos.

No vrao do ano 2000, Divertimento para pequenos monstros realizou no estudio da desaparecida en combate (consigo mesmo), Radio Kaos de Ferrol, unha serie de programas especiais intitulados Textículos by me.

A cuestión foi como segue: unha fermosa praia, unha caseta de socorro, a megafonía e tres socorristas: Ana Lucecú, Suso Suciedad e André Pequeno Monstro. Un cenario imaxinario de diálogos inocentes e melancólicos.

A última parte do programa que vos oferecemos, sintetiza o espírito daquelas edicións: experimentación sen límites, ao interpretar un texto mimimalista durante case vinte minutos alterando as voces dende a mesa de control de son, co fundo musical da peza Koyaanisqatsi do neoiorquino Philip Glass, a soar pola megafonía da caseta de socorro daquela praia inventada.

O texto en cuestión, Son Persoa, comeza inocente, mais co paso dos minutos e embuido nas notas musicais de Glass, convértese nun mantra surreal que nos leva ao éxtase final coa peza La Estatua del Jardín Botánico de Radio Futura.

Estudio: Radio Kaos. Serantes-Ferrol. Xullo de 2000.
Intepretación, voces e ideas: Ana Lucecú, Suso Suciedad e André Divertimento.
Selección musical: Pequeno Monstro.
Guión e textos: Pequeno Monstro.

Ficades na praia, co audio. Coidado coas ondas.

Descargar o arquivo
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...