27 de febreiro de 2009

Segundo asalto: Centros Sociais Autoxestionados na Galiza.

Segundo programa especial sobre o movimento de centros sociais autoxestionados (CSA) en Galiza.

En outubro do ano 2002, Divertimento para pequenos monstros, producía un novo especial que daba continuidade á entrevista que mantiñamos un ano e meio antes con Fran del Buey, do CSA Casa Encantada de Compostela.

Nesta ocasión dende a Casa Encantada nos comentan máis sobre a singularidade deste centro social, estabelecemos unha conexión con Xacio da lexendaria Casa Okupa da Ría en Oleiros e mantemos unha conversa con Keke do CSA Mil Lúas de A Coruña.

Tres centros socias, tres, que hoxe en día non existen, aló menos tal e como os coñeciamos nalquel momento. Decimos isto xa que é moi probábel que aqueles protagonistas cos que mantivemos as conversas, naqueles primeiros noventa, estean hoxe en día dando vida novos espazos liberados. O propio CSA Laboratorio Okupado As Atochas no Bairro de Monte Alto (A Coruña), é bon exemplo da vixencia do citado movimento, mais deste espazo xa tivestes boa conta noutras entradas deste blog e na propia Rádio FilispiM, 93.9 FM.

Para nós, estes audios se teñen convertido nuns documentos que describen na voz dos seus protagonistas, como funcionaban tres centros socias (que non os únicos) aos que puidemos achegarnos os pequenos monstros, naqueles anos, cando este Divertimento se emitía ao través das ondas da radio pública local Radio Fene 107.7 FM, que por certo remata de cumprir neste 2009, nada máis e nada menos que 25 anos de emisións ininterrompidas.

A disfrutar do audio!!!
Descargar o arquivo

AUDIOS DESPARECIDOS DO SERVIDOR. RESUBIRÉMOLO EN BREVE.

Foto: cartaz da okupazón simbólica da Panificadora. Vigo, maio de 2007

Tas Tas Irratia, a radio libre de Bilbo, cumpre 17 anos.

Chéganos este comunicado d@s compañeir@s de Tas Tas Irratia Librea que traducimos, compartimos e celebramos:

O día 13 enfrontámonos a un reto moi complicado, unha posta en escena demostrativa da realidade de Tas Tas. Un acto case teatral no que máis de 35 persoas da radio, sen experiencia, a gran maioría, nos escenarios, sen que case ningunha enfrontouse nunca a público, subiron ao escenario a representar cousas. Máis de 50 persoas da radio participaron no conxunto, se temos en conta que, ademais da xente sobre o escenario, houbo xente no control de son, nas luces, no lanzamento de vídeos, na preparación da comida posterior, na porta, na organización...

O local encheuse (entre 400 e 500 persoas) e un bo sabor de boca por parte de todo o mundo, público e radio, nun acto que durou máis de 3 horas. Especialmente importante porque a xente que correu co maior peso da organización, núnca antes realizara cousas tan complexas.

A Baixada do Entroido, é parte das actividades lúdico-festivas nas que participa a radio apoiando a todo o movemento popular que intenta (e consegue nunha gran medida) ter unhas festas autenticamente populares. Máis de 100 persoas da radio, ataviadas de piratas, participaron na baixada. Previa á baixada, celebramos un xantar nun bar bereber, o Berebar, onde participamos, con bo humor, case 50 persoas da radio. Logo demos os últimos retoques organizativos á baixada e a festa prolongouse ata altas horas da madrugada. Un importante e complexo esforzo organizativo que os nosos compañeiros e compañeiras realizaron á perfección.

Saúdos e abrazos.
Tas Tas Irratia (Bilbo).

No video que segue, producido por Cubainformación, veredes as caras e as voces das persoas humáns que fan posíbel esta rádio libre en Euskadi.

25 de febreiro de 2009

Nosotras en el Mundo gaña o premio AMECO-Prensa Muller 2008

Estes dias os compañeiros e compañeiras de Rádio Filispim, recibimos con agrado este comunicado que segue. A nova alédanos especialmente, xa que o programa de Radio Vallekas, Nosotras en el Mundo, tamén é redifunido nas ondas da Rádio Filispim 93.9FM, libres e comunitarias da Terra de Trasancos dende Ferrol (Galiza).

O programa producido pola área da muller de Radio Vallekas, Nosotras en el Mundo, gaña o premio AMECO Prensa Muller 2008, na categoría de radio.

O premio será entregado o xoves 26 de febreiro xunto ás outras gañadoras Pepa Bo (TVE) e Cruz Morcillo (ABC), no auditorio do Instituto Internacional. C/Miguel Angel, 8, en Madrid

O Xurado dos Premios AMECO- Prensa- Muller 2008, a proposta da Xunta Directiva da Asociación Española de Mulleres da Comunicación AMECO, decidiu de forma unánime outorgar este premio na modalidade de radio a Nosotras en el Mundo, o programa diario feminista da área da Muller de Radio Vallekas.

O xurado, composto por recoñecidas miembras de diversas organizacións de mulleres, considerou ao programa radial merecedor de tal distinción xa que "pon especial énfase no colectivo de mulleres e no traballo teórico e práctico do Xénero e a Comunicación, por apoiar aos grupos de mulleres organizadas ofrecéndolles unha canle radiofónica de expresión e participación e por abrir o campo da información de xénero á cooperación ao desenvolvemento".

Proxecto radiofónico -pioneiro nas radios comunitarias de Madrid- foi posto en marcha fai 9 anos pola coordinadora da área da Muller de Radio Vallekas Lucía Ruiz, quen xunto co equipo de comunicadoras que conforman a área, mostrouse moi satisfeita do premio: "Conforme pasaron os anos vimos empoderarse a moitas mulleres cos micrófonos e cada vez son máis as organizacións que usan este altofalante para levar as súas mensaxes á sociedade".

O programa Nosotras en el Mundo, ademáis das súas emisións de luns a venres de 10:30 a 11:30 am, realiza unha ampla diversidade producións especiais con temas relativos á igualdade, ao xénero e ao feminismo xa que aposta por pór na axenda as loitas e logros das mulleres, por contar a historia das mulleres tantas veces silenciada e polo uso dunha linguaxe non sexista en todos os eidos.

Nosotras en el Mundo, di Lucía Ruiz, "vai máis aló das súas emisións diarias porque desde a área da Muller de Radio Vallekas, aparte da nosa formación persoal continua, tamén se imparten cursos de formación en comunicación, xénero e Tics". Ao mesmo tempo, desde fai algúns anos impúlsase e apoia a creación de espazos de mulleres entre as radios e outros medios de comunicación comunitarios, porque "aínda e nestes medios alternativos, falta moito por chegar á igualdade entre homes e mulleres tanto na programación, na linguaxe, nos contidos, na axenda informativa así como nos cargos de decisión". Este premio tamén ten unha parte en Arxentina onde o "Centro de Comunicación e Xénero" realiza produción radiofónica e formación que se pode ver e escoitar en www.rednosotrasenelmundo.org

Os Premios AMECO - Prensa- Muller 2008 entregaranse o xoves 26 de febreiro. O acto será presentado por Marta Ortiz Díaz e ofrecerá unhas verbas de Consuelo Abril, Presidenta da Comisión de Investigación de Malos Tratos a Mulleres.

Podes escoitar Nosotras en el Mundo nas ondas de Rádio FilispiM, 93.9 FM
  • Luns de 00:00 h. á 01:00 h.
  • Luns de 16:00 h. á 17:00 h.
  • Venres de 10:00 h. á 11:00 h.
Ou mesmo na súa páxina web: http://www.rednosotrasenelmundo.org/
Parabéns a todas!!!!!

20 de febreiro de 2009

Espazos liberados na Galiza: Casa Encantada de Compostela.

Un 17 de xuño de 2003 , un tal Susinho redifundía ao traves dá rede un comunicado que comezaba do seguinte xeito: "Acaban de iniciar o derrubo (ilegal, segue lendo) da Casa Encantada. Estamos no tellado impedindo cunha acción non violenta do mesmo e estámolo conseguindo. Necesitamos o teu apoio, pregunta no concello se é certa a información en prensa e advierteles das responsabilidades legais, pregunta por Ramón Lueje responsable de Urbanismo..."

E así foi. O concello de Santiago de Compostela da man do socialista Bugallo, sentenciaba a golpe de paleadora un dos centros sociais autoxestionados e okupados mais importantes do país galego que levaba funcionando dende o ano 1991.

Antes da súa desaparición, entre os anos 2001 e 2002, Divertimento para pequenos monstros realizou algúns programas especiais ao respeito do por aquela movimento de autoxestión e okupación de locais sociais na Galiza. Hoxe recuperamos o primeiro deles no que entrevistamos a Fran del Buey, un dos integrantes da asembleia da por entón Casa Encantada de Compostela nun audio que co paso dos anos ten pasado a ser un documento.

Por entón, Divertimento para pequenos monstros se emitía na lexendaria radio municipal Rádio Fene (hoxe Radio Fusión) radio senlleira dentro das municipais da Galiza. De feito Divertimento naceu en Rádio Fene, se ben é certo que tambén posou polas ondas da ferrolá Radio Kaos, universitaria da que algún día falaremos nun especial que se podería titular "como ser universitario, cargarse unha radio universitaria e non morrer no intento".

No vindeiro Divertimento daremos cotinuidade a este especial aos centros autoxestionados daqueles primeiros noventa no noso país, con novas entrevistas a integrantes da Casa Encantada de Compostela, a membros da lexendaria Casa Okupa da Ría en Oleiros (A Coruña) ou mesmo do Centro Social Mil Luas de A Coruña.

Hoxe en día, todos estes centros sociais non existen, mais forman parte da historia e a experiencia daqueles pionerios e que hoxe queremos compartillar con todos vós.

Pequenos monstros, a disfrutar do documento.

Descargar o arquivo
AUDIOS DESPARECIDOS DO SERVIDOR. RESUBIRÉMOLOS EN BREVE.

10 de febreiro de 2009

A Rede Galiza Non se Vende, convócanos o domingo 15 de febreiro en Compostela.

http://1.bp.blogspot.com/_QExrwfv6Cnc/SYtw8wTUnHI/AAAAAAAAHgU/-_4npsns_Rk/s400/manirgnv.jpg

MANIFESTACION EN COMPOSTELA

Domingo 15 de Febreiro de 2009, ás 12 horas
na Alameda de Compostela (Galiza).

GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE

As persoas que berramos GALIZA NON SE VENDE expresamos a nosa máis enérxica protesta ante o desolador panorama que deixa este goberno disfrazado de progresista coas súas políticas ambientais e sociais que están arruinando Galiza, destruíndo a súa paisaxe, os seus recursos naturais, o patrimonio cultural e a biodiversidade. Políticas ambientais e sociais que significan a continuación das de gobernos anteriores no triste camiño de entregar o país, os seus recursos e a súa identidade, ás grandes empresas multinacionais e aos grandes intereses económicos, utilizando o gasto público para alimentar este obsoleto, inxusto e insustentabel modelo económico e social.

Porque outro xeito de facer é posibel, a cidadanía galega sairá á rúa, xunta (e revolta), o dia 15 de febreiro nunha grande Manifestación Nacional en Compostela, que partirá ás 12 da mañá da Alameda, baixo o lema:

GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE
Terra viva e vida digna para tod@s!

Rádio Filispim, a rádio libre e comunitaria da Terra de Trasancos que emite dende Ferrol, elaborou a ista cunha radiofónica para a súa libre difusión:

Descargar o arquivo

4 de febreiro de 2009

Primeiro Foro Social Mundial de Medios Libres.

Na antesala do Foro Social Mundial, realizouse en Belém do Pará, Brasil, o primeiro Foro Mundial de Medios Libres. O obxectivo era definir estratexias para ampliar o movemento dos medios cidadáns, baseado en modelos alternativos ao xornalismo de mercado.

O encontro foi unha das accións definidas en xuño de 2008, cando 400 integrantes de medios étnicos, xuvenís e de mulleres, entre outros, reuníronse en Río de Janeiro.

O Manifesto dos Medios Libres fai énfases na necesidade de incidir na definición de políticas públicas de comunicación. Apunta á democratización da asignación da pauta pública atendendo a criterios equitativos e non meramente mercantís.

Expón, ademais, a esixencia ao goberno brasileiro de apoiar a realización dunha Conferencia Nacional de Comunicacións e fomentar o pluralismo a través do impulso da produción e circulación de contidos. Así mesmo, o texto reafirma a esixencia de modificar o marco legal que regula a asignación de frecuencias de radio e televisión.

O Manifesto tamén detalla accións e propostas para fortalecer o movemento de medios libres a través de ferramentas e modos de produción e xestión baseados no intercambio. Durante a xornada reflexionouse sobre os medios de comunicación no contexto de crise actual.

Info e audio tirados da rede Más Voces (URCM), www.masvoces.org.

Máis outra info neste enlace1 e neste enlace2





Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...