21 de outubro de 2008

Boy Elliot de planeta en planeta e toco porque me toca.

Lembrades ao fenés Boy Elliot, quen ía representar aos galegos e as galegas no festival de músicas minorizadas que este ano se celebrou en Laponia?

Pois así foi. Celebróuse o pasado sábado aló, na Laponia. Parece de coña, pero foi así. Testemuñas de excepción foron os da Radio Galega Música que retransmitiu o evento en directo.

Nós, a quinta feira, tentamos ter en directo ao Daniel Alonso (nome verdadeiro de Boy Elliot) para o programa Divertimento para pequenos monstros, de Rádio FilispiM. Mais andaba xa procurando o fenés o vó cara París, e as comunicacións nas pontes aéreas, como que non. Aínda así, intercambiamos un par de sms, e aproveitamos pra desexarlle muita sorte no máis aló.

Da propia retransmisión que fixo a Rádio Galega Música, esta tirado o seguinte audio, que os Boy Elliot and the Plastics Bags, teñen no seu Myspace. Nel podedes ouvir a emotiva presentación do grupo galego, o estupendo tema Planeta 19 en directo e, finalmente, a sentida ovación do respetábel. Para rematala, mentres ouvides o audio seguide a ler paseniñamente e a crónica do festival tirada do portal de Vieiros.

Get this widget | Track details | eSnips Social DNA


Vieiros. Redacción - 21:15 18/10/2008


Jacques Culioli gañou os premios do público e do xurado. Boy Elliott recibiron 23 puntos e unha intensa ovación.

O Liet Lavtuv non veu para Galiza. Pasadas as nove, o corso Jacques Culioli gañou o premio do público con Hosanna in excelsis, que nas últimas semanas realizara unha campaña moi intensa a través de Facebook e, a seguir, dominou con claridade os votos do xurado. O corso é falado por un cuarto de millón de persoas.

A votación do xurado foi unha loita moi rifada entre o representante corso e os asturianos de Dixebra, seguidos moi de cerca polos artistas de Mordovia, Mordens e pola lapona Elin Kaven. Os asturianos foron moi aplaudidos na súa actuación, que se abriu cun discurso moi político, anticapitalista e lembrando a loita obreira en Asturias, e que se pechou cun 'pola oficialidá'. Boy Elliott recibiu un total de vinte e tres puntos: 7 da representante Arbereshe, oito de Laponia e outros oito de Mordovia.

"Cantos de vós falades linguas minorizadas?". Os condutores da gala do Liet Lavlut iniciaban deste xeito o espectáculo, pouco despois das sete da tarde. A moderna e acolledora Casa da Cultura de Lulea estaba ateigada de público, que agardaba para ver e escoitar os once artistas participantes.

Ás sete e dez os Boy Elliott xa estaban listos para actuar. Os presentadores lembraron que o galego é falado por tres millóns de persoas, xusto antes de dar paso a Daniel Alonso, que nun perfecto inglés, produto dos anos vividos en Gran Bretaña ou Australia, explicou o significado da canción e dese 'Planeta 19', "o lugar no que queres estar, o lugar no que te sentes ben". Para rematar, unha chiscadela para o público local: "para nós, ese lugar é Lulea". Despois, unha actuación sen fallos, eléctrica, que pecharon cun "graciñas".

As once canción participantes foron:
1.Boy Elliott & the Plastic Bags Planeta 19 (Galiza)
2.Surunmaa Tulethan takashin(Meänkieli)
3.Gwennyn Bugale Belfast (Bretaña)
4.Jacques Culioli Hosanna in excelsis (Córsega)
5.Spasulati Botë e shurë (Arbereshe-Albanés)
6.Elin Kåven Abbas jaska (Laponia)
7.Jelte Posthumus & Pilatus Pas De wiete wyn hellet oan (Frisia)
8.Carnicats Oz dream (Friuli)
9.Yr Annioddefol Drysu (Gales)
10.Dixebra Indios (Asturias)
11.Mordens Good will blessing (Mordovia)

Viaxe accidentada. A chegada a Lulea non foi doada para os rapaces de Boy Elliott & The Plastic Bags. O avión de Vigo a Madrid saíu cunha hora de retraso, o que fixo que perdesen o enlace de Paris a Estocolmo. Tiñan pensado chegar a Lulea ás 15 horas e chegaron á 1 da mañá, máis de 20 horas dando voltas polos aeroportos, "de todas maneiras se non pasara isto non teríamos nada que contar", dicía Dani, o cantante e líder da banda.

En Lulea, os Boy Elliott salientaron a profesionalidade da organización e a boa amizade que fixeron cos asturianos Dixebra, ademais, da entrevista que realizaron para a BBC radio.

Pois nada máis, pequen@s monstr@s,
para rematar lembraros que aínda podemos fazer que o Planeta 19 de Boy Elliot, acade o premio do público. Podedes votar ao fenés ao través deste enlace. E coa mesma, marchamos a outro planeta, que xa toca.

Nota: na foto Boy Elliot e banda tocando en Laponia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentando das vida ao blog. Adiante!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...